O pasado venres, 01 de marzo de 2024 reunímonos parte dos membros do Club de Lectura Balbordo do IES Río Cabe para falar do libro de María Reimóndez, Furia.
Resultou unha
reunión moi amena e produtiva na que tivemos a sorte de estarmos acompañados
pola autora María Reimóndez, gañadora do XV Premio Jules Verne de Literatura
Xuvenil 2023, quen compartiu con nós un xantar literario e, posteriormente na Biblioteca do centro escolar, analizamos os diferentes personaxes da novela e os seus comportamentos ante situacións difíciles.
Tras a morte da súa nai, Cecilia, unha
adolescente de dezaseis anos, non sabe como convivir coa dor. Por se non fose
pouco, unha pandemia, un cambio de casa, a precariedade e a incomunicación coa
súa tía avoa énchena de rabia ante o mundo que a rodea. Cando a cousa parece
que xa non podería empeorar máis, atópase co boxeo. Grazas a este deporte e a
unha serie de persoas que a acompañarán, Cecilia atopa a confianza nas propias
forzas para buscar unha vida plena, para atopar o seu lugar seguro. Furia non é só a historia dunha moza que
se enfronta á perda e á dor, senón unha reflexión sobre os afectos e o valor
verdadeiro, un canto de amor ao boxeo e unha constatación da importancia de
termos sempre alguén na nosa esquina que nos guíe á hora de evitar os golpes
eludibles e nos acompañe para encaixar os inevitables.
María Reimóndez lembrouse no noso Club de lectura no seu artigo xornalístico de nósdiario
Ningún comentario:
Publicar un comentario