Por último, o Director do IES Río Cabe, Carlos Parada, entregoulle unha chapa do noso instituto.
MOITAS GRAZAS, Loli, por compartir a velada do venres con todas e todos nós.
Deixámosvos algúns comentarios dos/das asistentes:
"O título da novela fai referencia á búsqueda por parte de Val, a protagonista, da súa propia identidade: sentíndose diferente desde nena, unha rapaza de rasgos orientais nunha familia galega. Este é o feito arredor do que xira a historia. O que resulta máis sorprendente é que Val non sabe (non quere saber) que é adoptada, seguramente debido á seguridade con que a súa nai negou sempre ese feito. Será cando Val atope unha proba documental da súa orixe, feito que coincide no tempo coa morte do seu pai, cando ela dea un xiro á súa vida. Anos máis tarde atopará novos indicios que a levarán a achegarse á verdade do seu nacemento.
Acompañando e precedendo no tempo a Val aparecen unha chea de personaxes que nos permiten compoñer unha imaxe ampla da historia do lugar e da familia en que Val se insire.
Unha novela moi fácil de ler, cunha linguaxe moi asequible e moi recomendable."
Luz Díaz
"Os nomes de Val é para min unha especie de tecido orgánico no que se suceden xeracións de personaxes dunha grande riqueza emocional.
Loli R. Rodríguez narra esta historia cunha escrita profunda pero tamén sinxela e natural, e mantén o interese vivo ao longo de dúas partes moi diferenciadas.
A primeira, máis áxil e efervescente, está poboada de personaxes que se esforzan por adaptarse con dignidade ás case sempre duras circunstancias que deben enfrontar.
A segunda, máis pausada e intimista, céntrase no mundo interior de Val, quen tratará de esclarecer os segredos que acompañaron sempre á súa identidade.
Ao igual que o resto de personaxes desta obra, Val esfórzase por atopar o seu sitio. Pero se os seus antecesores e antecesoras fan gala dunha grande fortaleza e superación, Val terá que esforzarse dende a vulnerabilidade e a fraxilidade, o cal lle confire un carácter especial.
Unha obra moi recomendable, de lectura doada e moi enriquecedora á vez".
Anabel
"A novela Os nomes de Val de Loli R. Rodríguez é unha conexión entre o pasado e o presente, unha profunda revisión da vida e dos antergos da protagonista Val. Na novela non só se nos fai coñecedores da historia de cada un dos personaxes, senón que tamén explora as raíces que as forman.
Loli R. Rodriguez trasládanos a diferentes espazos: Torbeo, Cuba, unha vila ficticia do sur de Lugo e outros moitos lugares onde durante anos se van conformando e entrelazando as diferentes historias ata chegar a Val. A través dun relato brillante, Loli é quen de unir xeracións pasadas co presente dando un escenario ás decisións e sentimentos que definen a Val. Na vida da protagonista o seu nome é máis que unha simple etiqueta; unha nota atopada por ela mesma ao azar dálle acceso a Mitsuko, o seu nome primixénio e é nese momento onde comeza unha frenética carreira para atopar quen é verdadeiramente. Non se trata dunha simple árbore xenealóxica senón que é unha clara reflexión sobre a importancia da familia, as relacións interpersoais, a importancia da contorna e a busca da identidade propia A medida que imos avanzando na lectura somos quen de meternos na pel de cada personaxe e ir imaxinando na nosa mente cada un dos pasos que dan para chegar a unha meta. Val é a peza que faltaba no quebracabezas da familia, a viva imaxe da forza e da loita por coñecer o seu pasado para elaborar o seu futuro.
O encontro que o club de lectura Balbordo do IES Río Cabe tivo coa escritora foi unha marabillosa experiencia, xa que nos axudou a comprender moitos máis elementos do libro ademais de dar a nosa perspectiva e ter a sorte de poder comparala coa da autora.
Os nomes de Val é, en definitiva, un devalo pola historia, un camiño onde acompañamos a Val a ser libre, despoxarse de ataduras e onde a nós como lectoras e lectores se nos ofrece unha mirada profunda das pegadas que nos deixan aqueles que nos preceden".
Ana Otero Gómez
Ningún comentario:
Publicar un comentario