Hoxe
reflexionamos coas rapazas de 3º e 4º da ESO arredor de Iridium, a última novela de Francisco Castro. A maioría das
asistentes gozaron coa lectura da obra e valoraron moi positivamente a presenza
das redes sociais na trama do libro. Despois de ofrecer a súa opinión,
focalizamos a atención no argumento, pois a obra está protagonizada e narrada
por Iris, unha moza que cursa 1º de Bacharelato e que despois dun accidente
sofre un traumatismo craneoencefálico que a obrigou a estar sete meses en coma.
Algunha das participantes na reunión botou en falta que o autor non describise
con máis detalle como lle afectou esta situación na súa vida cotiá posterior e
outra rapaza lamentouse da brevidade de extensión da obra, pois o final é
bastante aberto, pero todas elas concordaban en continuacións semellantes para
a historia.
Un dos aspectos
máis sorprendentes desta reunión foi que as nosas lectoras consideraron moi
estraño que Mario, un dos personaxes da obra, intercambiase mensaxes de correo
co profesor de Lingua Galega e Literatura do curso pasado co que tiña bastante
confianza, posto que fora dos poucos docentes que o motivaran nos estudos.
Algunha alumna incluso pensaba que este comportamento non era legal e ven moi
rara a comunicación cos profesores e profesoras fóra do centro escolar.
Tamén
desexamos dialogar arredor das relacións sociais a través das redes e no día a
día, pois a relación sentimental que tiña a protagonista con Chechu viuse rota
despois do accidente, situación que non foi aprobada polas nosas alumnas. Con
todo, a maioría concordaron en que é unha obra que recomendarían a amigas e
coñecidas, pois trata temas de actualidade e, nalgúns casos, incluso podería
axudar a levantar a autoestima persoal dalgunha delas.
Tania Vázquez García
Ningún comentario:
Publicar un comentario