O CARTEIRO DE BAGDAD NO GRUPO 1



O venres día 18 xuntámonos co alumnado de 1º e 2º da ESO para poñer en común a lectura da obra de Marcos Calveiro O carteiro de Bagdad. Todos/as gozaron deste libro, ambientado nun espazo de guerra, miseria e dificultades que contrasta coa Zona Verde, un lugar da mesma cidade destinado ao turismo e aos hoteis de luxo. Algunha das participantes soubo establecer relacións entre esta obra e Tristes Armas, de Marina Mayoral, pois en ambas as dúas os conflitos bélicos están presentes.
O pai do protagonista garda como un tesouro moi prezado un pergameo, debido ao seu amor polos libros e a lectura. Como os estudantes non coñecían os pergamiños, como se elaboraban e como era o sistema de escritura e iluminación, reproducimos un breve vídeo no que puideron aprender máis sobre estes procesos.
Posteriormente, os alumnos/as mencionaron algunhas organizacións caritativas ás que axudan os seus pais e que poden contribuír a que a vida destes rapaces que sofren as consecuencias das guerras sexan mellores.
Foi para nós unha sorpresa preguntarlles polo tempo no que estaría ambientada esta obra, pois algún dos estudantes situábana no pasado, sen reparar en que o contido podería estar facendo alusión a moitos conflitos bélicos que existen actualmente nos países desfavorecidos. Trátase pois, unha vez máis, dunha boa mostra do descoñecemento que ás veces temos da necesidade que existe nos lugares máis pobres.

Finalmente, puxemos en común os distintos finais que os alumnos/as propuxeron para a historia, pois o autor favorece que deixemos voar a nosa imaxinación.

Tania Vázquez García

No hay comentarios:

Publicar un comentario