IRIDIUM. FRANCISCO CASTRO. GRUPO2.


Hoxe reflexionamos coas rapazas de 3º e 4º da ESO arredor de Iridium, a última novela de Francisco Castro. A maioría das asistentes gozaron coa lectura da obra e valoraron moi positivamente a presenza das redes sociais na trama do libro. Despois de ofrecer a súa opinión, focalizamos a atención no argumento, pois a obra está protagonizada e narrada por Iris, unha moza que cursa 1º de Bacharelato e que despois dun accidente sofre un traumatismo craneoencefálico que a obrigou a estar sete meses en coma. Algunha das participantes na reunión botou en falta que o autor non describise con máis detalle como lle afectou esta situación na súa vida cotiá posterior e outra rapaza lamentouse da brevidade de extensión da obra, pois o final é bastante aberto, pero todas elas concordaban en continuacións semellantes para a historia.
Un dos aspectos máis sorprendentes desta reunión foi que as nosas lectoras consideraron moi estraño que Mario, un dos personaxes da obra, intercambiase mensaxes de correo co profesor de Lingua Galega e Literatura do curso pasado co que tiña bastante confianza, posto que fora dos poucos docentes que o motivaran nos estudos. Algunha alumna incluso pensaba que este comportamento non era legal e ven moi rara a comunicación cos profesores e profesoras fóra do centro escolar.
Tamén desexamos dialogar arredor das relacións sociais a través das redes e no día a día, pois a relación sentimental que tiña a protagonista con Chechu viuse rota despois do accidente, situación que non foi aprobada polas nosas alumnas. Con todo, a maioría concordaron en que é unha obra que recomendarían a amigas e coñecidas, pois trata temas de actualidade e, nalgúns casos, incluso podería axudar a levantar a autoestima persoal dalgunha delas.


Tania Vázquez García

No hay comentarios:

Publicar un comentario